Thursday 09 de May de 2024

O PSOE de Ordes pedirá ao alcalde que o transporte metropolitano adiante a súa hora de saída para dar servizo ás persoas que traballan ou pasan consulta en Compostela


O PSOE de Ordes pediralle este venres ao Concello que se dirixa á empresa Mombús para solicitar o adianto da hora de saída do autobús A Coruña-Santiago das 6:45 ás 6:30 horas para que pase por Ordes ás 7:15 horas, en vez das actuais 7:30 horas, e permita así dar servizo a numerosos veciños e veciñas que traballan ou teñen que pasar consulta médica en Compostela.

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ordes, Alejandro Manteiga, indica que “na agrupación temos recibido moitas queixas da veciñanza que non poden utilizar o servizo de transporte metropolitano para desprazárense aos seus traballos ou asistir a consultas médicas en Santiago a primeira hora da mañá”.

Isto é así porque o actual autobús non chega a Compostela ata pasadas as 8:15 horas. “Ese horario imposibilita que moitas persoas que entran a traballar ás 8:00 ou ás 8:30 e as que teñan consulta médica a primeira hora, poidan facer uso deste servizo e se vexan obrigados a desprazárense ben en vehículos particulares ou en taxi, véndose obrigados a facer un gasto maior e non beneficiarse das tarifas reducidas do transporte metropolitano”, apunta o voceiro socialista.